Hoxe pola tarde remataron as VIII Xornadas de Software Libre de GPUL. E este ano GPUL, co gallo da celebración do seu 10º aniversario, tirou a casa pola fiestra. Nada máis e nada menos ca dez días completos de charlas, talleres, presentacións e similares, mañá e tarde. O programa foi o seguinte (podedes pinchar enriba para ampliar):


    Este ano celebráronse entre o 10 e o 19 de abril, máis ou menos polas mesmas datas de sempre, aínda que un pouco tirando a tarde, por mor da celebración doutras xuntanzas en prol do software libre que se celebraron nas semanas previas e que ameazaban con restarnos moita asistencia.

    De tódolos xeitos, a asistencia non foi, nin por asomo, tan numerosa coma a de anos anteriores, aínda tendo detrás un programa tan bo e o pulo que daba o aniversario. Polo pouco que puiden escoitar de boca dos meus compañeiros e por propia experiencia (xa que eu tamén caín vítima do mesmo esconxuro), creo poder afirmar que o que nos xogou en contra, aínda tendo previsto todo o contrario, foron as datas, xa que coincidiron coas datas de entrega de prácticas na Facultade de Informática, o cal implica moito traballo (sobre todo se antes non pegaches nin golpe) para poder entregar dentro de prazo.

    Polo que respecta ás conferencias e ós conferenciantes, o nivel foi moi alto e case todo saiu perfecto. Digo case todo, porque houbo problemas con algunha que outra por mor da convalecencia do conferenciante a causa da gripe (e non foi un só); co cal houbo que trastocar algunha cousiña, mais nada de importancia. Persoalmente, do cartel de charlas, gustáronme especialmente as técnicas: talleres de instalación, configuración e emprego de aplicacións e linguaxes. E coma non o xa mítico concurso de Real Time Battle. O resto estivo ben para matar o rato e conversar longo e dis/tendido.

    Comentar tamén, que tódalas charlas se gravaron en vídeo e que en canto esté todo procesado e volcado a disco se poñerá a disposición de tódolos interesados na xa referida páxina das xornadas.

    Os meus máis sinceiros agradecementos a todos aqueles que asististes a e/ou colaborastes coas xornadas. Ó resto, nada máis que emprazarvos de bo grado para que asistades o vindeiro ano.

 
 

    Acabo de chegar do ensario coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da Coruña. E veño baldado.

    Hoxe tocou montar o primeiro movemento do Concerto nº 1 en Sol menor para violín e orquestra de Max Bruch. ¡Vaia ensaio! Por veces andaba no aire, por veces quedábame aletargado.

    Ainda por riba, hoxe o ensaio coincidiu co aniversario do director da orquestra Fernando L. Briones. ¡Parabéns por eses 32 anazos tan ben levados! Trátase do moinante de aquí abaixo, jeje.



    E, coma non, fixémoslla boa. No medio do ensaio xurdimos da nada entoando o "Clumpleaños Feliz", cunha tarta de chocolate e biscoito (con velas incluídas) e con champaña para regala. ¡Menuda festa!

    Aínda que el tampouco se quedou atrás, xa que apareceu logo cun par de caixas de bombóns para todos. En fin, que rematamos comendo e bebendo no conservatorio coma se estivesemos na casa. Se é que somos unha gran familia.

    Por hoxe é o que hai. Se queredes máis, toca agardar deica mañá.