
Hoxe pola tarde remataron as VIII Xornadas de Software Libre de GPUL. E este ano GPUL, co gallo da celebración do seu 10º aniversario, tirou a casa pola fiestra. Nada máis e nada menos ca dez días completos de charlas, talleres, presentacións e similares, mañá e tarde. O programa foi o seguinte (podedes pinchar enriba para ampliar):
Este ano celebráronse entre o 10 e o 19 de abril, máis ou menos polas mesmas datas de sempre, aínda que un pouco tirando a tarde, por mor da celebración doutras xuntanzas en prol do software libre que se celebraron nas semanas previas e que ameazaban con restarnos moita asistencia.
De tódolos xeitos, a asistencia non foi, nin por asomo, tan numerosa coma a de anos anteriores, aínda tendo detrás un programa tan bo e o pulo que daba o aniversario. Polo pouco que puiden escoitar de boca dos meus compañeiros e por propia experiencia (xa que eu tamén caín vítima do mesmo esconxuro), creo poder afirmar que o que nos xogou en contra, aínda tendo previsto todo o contrario, foron as datas, xa que coincidiron coas datas de entrega de prácticas na Facultade de Informática, o cal implica moito traballo (sobre todo se antes non pegaches nin golpe) para poder entregar dentro de prazo.
Polo que respecta ás conferencias e ós conferenciantes, o nivel foi moi alto e case todo saiu perfecto. Digo case todo, porque houbo problemas con algunha que outra por mor da convalecencia do conferenciante a causa da gripe (e non foi un só); co cal houbo que trastocar algunha cousiña, mais nada de importancia. Persoalmente, do cartel de charlas, gustáronme especialmente as técnicas: talleres de instalación, configuración e emprego de aplicacións e linguaxes. E coma non o xa mítico concurso de Real Time Battle. O resto estivo ben para matar o rato e conversar longo e dis/tendido.
Comentar tamén, que tódalas charlas se gravaron en vídeo e que en canto esté todo procesado e volcado a disco se poñerá a disposición de tódolos interesados na xa referida páxina das xornadas.
Os meus máis sinceiros agradecementos a todos aqueles que asististes a e/ou colaborastes coas xornadas. Ó resto, nada máis que emprazarvos de bo grado para que asistades o vindeiro ano.