A primeiros de abril, tal e como ven sendo habitual por estas datas dende hai un ano, saía do forno a versión primaveral dunha das distribucións máis populares, Mandriva Linux, a modo de “actualización” da versión anterior, aparecida polo mes de outubro do ano pasado. Esta nova versión leva por nome Mandriva Free 2008 Spring (orixinal, ¿non si?), aínda que tamén se lle coñece co nome de Mandriva Free 2008.1, por mor do seu nacemento coma lavado de cara da versión anterior.

    Entre as novidades máis salientables desta nova distro atópanse:

        - KDE 3.5.9 e 4.0.3.
        - GNOME 2.22.
        - Xfce 4.4.2.
        - Linux kernel 2.6.24.4.
        - X.org 7.3.
        - Infraestructura de son Pulse Audio.
        - OpenOffice.org 2.4.
        - Compiz Fusion 0.7.2.

    Ademáis, ven tamén cunha serie de novas características bastante interesantes como a total compatibilidade co Asus Eee PC, a fácil sincronización con Windows Mobile 5/6 e máis con outros dispositivos móbiles; así coma cunha serie de melloras bastante notables con respecto á anterior versión coma poden ser as realizadas na ferramenta de manexo de software propia da distribución (rpmdrake) e na nova ferramenta de configuración de redes, incluída por vez primeira na versión anterior. Persoalmente, teño que sacarme o sombreiro ante as melloras nesta última ferramenta, na escritura en particións NTFS (configurada por defecto) e no apartado gráfico (o cal xa era notable).

    Tamén se incluíron por vez primeira unha lista de aplicacións moi recentes e interesantes coma poden ser Elisa, Avant Window Navigator, Conduit ou Miro.

    É de facer notar tamén que é a primeira vez que dende Mandriva fan un reempaquetado automático durante o ciclo de desenvolvemento dunha nova versión e co lograron con máis do 90 por cento dos paquetes, o que lle outorga unha gran consistencia ós seus repositorios.

    Pero non todo ían ser flores. Tamén hai unha serie de erros atopados de carácter grave ou moi grave, os cales axudei a buscar e testar na súa meirande parte:

    Erro xeralizado na actualización dende versións previas presente nun gran número de isntalacións que non deixa finalizar correctamente a mesma e que fai ca maior parte do sistema quede actualizado, a excepción do kernel.

        - Problemas con interfaces inhalámbricas Intel 3945ABG e 4965AGN.
        - Lentitude na conexión á Internet baixo IPv6.
        - O cargador de arrinque non se instala en sistemas con RAID por software.
        - A configuración da pantalla mediante o Centro de Control de KDE conxela o sistema.
        - Firefox remata inesperadamente en sitios con Flash.
        - O son non funciona en Skype, debido á incompatibillidade do mesmo con Pulse Audio.

    Ultimamente detectouse tamén outro erro xeralizado (do cal tamén son víctima), tanto en instalacións limpas coma non limpas (mantendo os arquivos de configuración) mantendo o directorio /home, que fai que o sistema se conxele ó pouco de terse iniciado. Polo de agora, non se ten nin a máis remota idea de a qué se debe.

    Finalmente, dicirvos que a nova versión ó igual cas anteriores está dispoñible en formatos: Live-CD e DVD e que podedes obtela gratuítamente por varios medios (torrent, http, ftp e rsync) a través da páxina oficial (http://www.mandriva.com), onde tamén poderedes atopar moita máis información. Se precisades de axuda podedes acudir ó foro oficial en castelán (http://www.blogdrake.net), onde vos poderedes atopar comigo baixo o mesmo alcume co que escribo.

 
Acer versus Mac 04/19/2008
 

    Si, xa sei que non son horas. Pero acabo de ver isto nun foro no que ando normalmente e non puiden resistirme a comentalo. É demasiado bo coma para deixalo pasar.

    Primeiro de nada, dicir que non sei onde nin cando está tomada a foto, pero aínda así é digna de comentar. Como se pode apreciar na imaxe aparecen un montón de xente cos Mac's de tódalas formas, tamaños e cores e, no medio de todos, como se dunha aparición estelar digna do mellor dos gags da mellor superproducción americana se tratase, pódese ver claramente unha rapaza cun Acer.

    Non podo saber con certeza o que se sinte, pero imaxino que ten que ser algo parecido a ser o único pingüín no medio do deserto do Gobi. Tampouco me colle no maxín cómo se pode chegar a dar tal situación, aínda que me fago un lixeira idea. Vendo tanto Mac xunto e sabendo que Estados Unidos é dos poucos países (por non dicir o único) no que os Mac's e os Pc's se reparten o pastel á metade (e que por ser máis "bonitos" a xente nova se decante pola marca da mazá), que todos teñen pinta de estudantes e que semella que están nunha clase ou nun salón de actos, gustaríame imaxinar que se trata dunha rapaza española de intercambio ou algo similar. Se non é así, a xustificación debería de ser penable polo menos, jeje.

    Isto último dígoo en base a datos tanxibles, que non vou despotricando por ahí así porque si, coma moitos posuidores de portátiles ou outros productos de Apple. Resulta que na última enquisa da OCU que lin sobre portátiles, no apartado referido a problemas hardware que acabaron co portátil no servicio técnico, a porcentaxe no caso dos Acer foi dun 56% mentres que no caso dos Mac foi do 6%. E que non me veña dicindo ninguén que é por causa e efecto do hardware pechado, porque na mesma enquisa, os Sony, onde o hardware aínda varía considerablemente, arroxaban unha porcentaxe do 8%.

    Vale, que si, que os Mac se pagan moito máis caros, e sobre todo a este lado da poza, coa equivalencia euro-dólar. Pero se o meu suposto é bo, se eu fose ela agardaría a ter cruzado a poza para mercarme un portátil con hardware de calidade ben ensamblado e a bo prezo, aínda que non fose un Mac, ou polo menos aproveitaría para embarca-lo Acer e usa-los cartos para mercarme outra cousa.

    É a miña humilde opinión e sei que moitos de vós non ides estar de acordo, pero sobre gustos non hai nada escrito. Agora si, o que non me negaredes é que esta rapaza !ten uns ovarios coma puños!

    Actualización: parece ser que a imaxe orixinal saiu de aquí, onde se comenta un pouco máis a fondo de onde saiu.