Foi alá polo remate do curso universitario, cando, vendo que xa tiña rematada (en parte) a carreira de violín e que me ía aburrir tremendamente sen nada con algo de zugo novo que tocar para el, me decidín a aprender a tocar un instrumento novo.

    Si, xa sei que xa toco unha rea deles, pero con isto da música, un sempre ten ganas de máis. É unha droga dura, veleno puro. Ademáis, sufrín tamén a desaparición dalgunha das agrupacións nas que toco, co cal, entre unha cousa e outra, se reduciu notablemente o tempo que lle tiña adicado. E claro, as drogas duras, non se poden abandoar de golpe, porque provocan síndrome de abstinencia, máis coñecido por "mono".

    Logo de darlle ó maxín unha e outra vez e de barallar varias posibilidades (as cales contemplo todas, pero teño que darlles algunha orde de prioridades), decindinme polo acordeón cromático de botóns. ¿O porqué? Pois dunha banda, ultimamente veño escoitando moito a Richard Galliano e grupos folques novos que empregan este instrumento, e cada vez gústanme máis; e, por outra, o acordeón está emparentado (tímbricamente falando) co violín, o cal sempre axuda. ¿Por que de botóns e non de teclado? Pois por varios motivos: o primeiro é que quería algo realmente novo e que me supuxese un reto e, como xa sei tocar o piano, pois tocar un de teclado non me supuña moito esforzo; o segundo, que, á hora de tocar, aínda que é un pouco máis complicado, recompensa o esforzo permitindo tocar cunha maior axilidade (hai moitas cousas que se poden facer cos de botóns que non se poderían tocar nin de lonxe cos de teclado -no caso oposto, a cantidade é moito menor-).

    Así que, en canto voltei para a casiña, púxenme a buscar información. Documenteime a través da rede, de libros que me emprestaron,  de profesores de acordeón que coñecía, de acordeonistas doutros grupos coñecidos, de tendas de música especializada, etc. E logo de pasar case dous meses poñéndome ó día, mirando acordeóns novos e de segunda man (o cal foi bastante complicado -tendo en conta que eu ando a cabalo entre Lugo e A Coruña-, xa que este tipo de acordeóns só teñen mercado na parte sur do país: Ourense, Vigo e Pontevedra) e, sobre todo, facendo actuacións e traballos por onde puiden para poder pagalo (non imaxinades o que pode chegar a valer algún deles; son tan ou máis caros ca un bo piano), acabei dando cunha tenda de música en Ourense que os tiña de boa calidade e a bo prezo (aclarar que eu andaba en busca dun acordeón de casa italiana -preferentemente- ou alemana, e que o prezo aínda tira máis para arriba).

    Tendo xa o sitio topado e logo de que me propuxese varios modelos, decidín encargar un par deles para probalos. Isto foi xa a primeiro de agosto. Mal momento para facelo, xa que, por daquelas, os almacéns destas historias estaban todos de vacacións. Vamos, que pasei todo o mes chamando á tenda semana si e semana tamén, para que sempre me dixesen o mesmo. No momento en que decidiron voltar das vacacións (alá por primeiros de setembro), volvinme ilusionar coa nova adquisición: craso erro outra vez, pois nun dos almacéns non quedaban existencias do que pedira.

    Resumindo, a día de hoxe, sigo esperando a que chegue ese outro acordeón á tenda para poder ir probalos e decantarme por algún (por se sentides curiosidade, encarguei un Moreschi e un Hohner -o da foto-) no caso de que me convenzan; pero, coa carallada, o verán xa vai alá e eu tiven que pasar o mono da mellor maneira posible: de tocata en tocata por todo o país e barullando na casa canto puiden cos instrumentos que xa tiña.

    Non sei o que tardarei aínda en facerme con el, pero o que si teño claro é que con todo o que me están facendo agardar, por ganas de tocalo ata reventar non ha ser.

    Agardo poder dicirvos por cal me decantei nunha vindeira entrada no blog e poder describírvolo dende varios puntos de vista: técnico, visual, sonoro e sentimental. ¡Viva a música que nos aleda a vida!


 
¡Europa toleou! 05/27/2008
 

    Si, miñas donas e meus cabaleiros. Definitivamente ¡Europa toleou! Iso si, musicalmente falando. Quen máis e quen menos viu, escoitou ou leu algo ultimamente sobre o recente Festival de Eurovisión.

    É ben sabido por todos, que dito festival era, ata non hai moito, un festival da canción. Pero duns anos para aquí a cousa tornou máis ben nun festival de mamarrachadas. Non hai máis ca olla-lo panorama de actuacións que houbo este mesno ano. ¡Dan noxo!

    Reino Unido: bo cantante e boa posta en escea, pero o tema era máis americano ca europeo.
    Alemaña: cun cuarteto que semellaba unha copia barata das infumables Spice Girls.
Bosnia & Herzegovina: vaia pintiñas. Non hai moito máis que dicir.
    Israel: cun cantante que, aínda que tiña boa voz, non era máis co típico home-mazas que canta unha canción sen gancho.
    Finlandia: cun grupo heavy que parecía saído do fondo dun trasteiro, moi malos tecnicamente e cun tema aínda peor. Non había por onde collelos.
    Turquía: bo grupo e bo tema, aínda que soaba moi americano a pesares de estar cantado en turco, creo.
    Letonia: so había que mirarlles para o vestiario.
    Xeorxia: que envía unha cantante invidente, cun tema malogrado, para dar aínda máis pena, a ver se así cae algo.
    España: sen comentarios. Simplemente patético. Iso de humor non tiña nada.
    Rusia: a gañadora e, sen dúbida, a peor de tódalas actuacións (rivalizando incluso con Chikilicuatre). Si señor, a isto chámolle eu misturar patacas con cebolas.Un cantante mediocre cun tema malo, un patinador (campión olímpico, iso si) e un violinista con espamos (iso si, cun Stradivarius), todo en catro metros cadrados de puro xeo (como para caer e estampar o Stradivarius). Vamos, a mistura perfecta para unha bomba presta a che estoupar nos mesmos fuciños. Semella que a "Nai Rusia" quixo deixar ver todo o seu poder e riqueza. E ó final saille ben, aínda que sigo sen comprender como, a non ser o xa máis que sabido apoio da Europa do leste (outro tongo bo).

    Aínda que houbo algunha que outra excepción con bo gusto. É o caso de países coma:

    Croacia: boa posta en escea, un tanto cómica, cun tema máis ou menos bo. Aínda que o tango, ten máis de americano ca de europeo (salvando a relación coa emigración).
    Portugal: bo tema, boa voz, contexto minimalista. Quén quere máis.
    Dinamarca: bo cantante, bo tema e actuación simpática e con gancho.
    Francia: bo cantante (aínda que un pouco insociable enriba do esceario), bo tema e unha posta en escea moi peculiar (un tanto cómica). Foi un guiño perfecto á canción de autor.
    Azerbaijan: posta en escea bonita pero escasa de decorado, boas voces, un tema tecnicamente complicado e cun toque á tradición, aínda que non era gran cousa.
    Grecia: unha mullerona enriba do esceario, cunha voz máis ou menos boa, uns decorados pouco efectivos, aínda que si elaborados e un tema simplón. Aínda que pasable, non se mereceu a posición na que rematou.

    Do resto, dicir que ou non os vin, ou foron tan mediocres que pasaron sen pena nin gloria e non merecen comentarios nin por bos nin por malos.

    En resumo, onde antes había bos cantantes, boas cancións, bos decorados e boas postas en escea, todo en maior ou menor medida, pero ben conxugado, agora hai so caras bonitas, malas voces, decorados e vestiarios charramangueiros e malos temas.

    A este paso non sei onde iremos parar, pero fágome unha lixeira idea.


 
 

    Acabo de ler nunha páxina de novas culturais galegas (culturagalega.org) que o grupo folque Ophiusa, co que tiven ocasión de compartir esceario e no que tocan un par de bos amigos meus (un saúdo para Benxamín e Paulo, por se me están a ler), veñen de lanzar ó mercado o seu primeiro traballo (non era sen tempo), Paos, que presentarán de maneira oficial o venres 18 de abril cun concerto no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela.

    Para que vaiades saboreando o disco, aquí vos deixo un pequeno petisco. Agardo que vos guste.


    Sen máis, agardo que lles vaia tan ben este traballo coma os concertos. Denque aquí, desexarlles ¡boa sorte!

 
 

    Fai hoxe unha semana que partimos nunha viaxe de tres días a terras de Pamplona, co fin de facer un intercambio coa Orquestra Sinfónica "Pablo Sarasate" (eles xa viñeran tocar á Coruña o 26 de marzo).

    A viaxe en si fíxosenos bastante longa, por mor do (ó meu parecer) longo número de paradas que fixemos. Saímos da Coruña sobre as nove da mañá e chegamos aló sobre a media tarde. Para dúas horas que nos quedaban antes da cea, aproveitamos para ir ver un pouco o centro da cidade e mercar algunha cousa de picar, en previsión de que a cea non fose moi boa (e atinar, atinamos).

    Logo de cear, como chovía a chuzos, decidimos montar un pouco de festa na residencia onde estabamos aloxados. !Mi madriña! ¡Vaia desfase! Case todos peneques perdidos, toda a noite sen durmir, etc (as que non se poden/deben contar).

    O día do concerto, pola mañá, ensaio xeral bastante cedo, pero como moitos non nos deitaramos, pois deunos un pouco igual. Pola noite, á hora do concerto, logo de durmir unha soneca, estabamos máis ou menos despexados, aínda que había algún que outro que andaba no limbo.

    O concerto en si non estivo nada mal; polo menos no que á parte dos locais se refire; porque o que foi a nosa parte saiu peor do que saíra cando tocamos na Coruña. Aínda vai resultar certo que tocar na casa axuda.

    ¡O programa? Pois, pola súa banda: Mendelsson, Sarasate e un arranxo para orquestra de algo para banda do que non recordo o autor. Pola nosa banda: Mendelsson, Rossini e a BSO de Piratas do Caribe. Interesante alomenos ¿non si?

    Despois do concerto, a cena de rigor. ¡Vaia cena! ¡Manda truco! Leváronnos a cear a unha sidrería-parrillada cun comedor enorme. Algo arriba das cen persoas a cear. Por mor do número tan elevado de comensais tocou agardar un pouco pola cea, pero mereceu a pena. Estaba tan boa que rematamos con todo; e cando digo todo é todo: ata os catro pipos xigantes de sidra que tiñan para todo o comedor; non quedou nin gota.

    Ó día seguinte tocou voltar e houbo que saír cedo (a iso das sete da mañá) para que a xente que tiña ensaio coa Xove Orquestra de Galicia puidese chegar a tempo. O viaxe de volta, tal coma o de ida, non tivo nada destacable, a non ser o xantar en Valcarce, que estivo bastante ben. Chegamos á Coruña sobre as catro e media da tarde (media hora antes do previsto) e chovía de tal maneira que apenas se vía a través das fiestras do autobús. Ó baixar del para coller as cousas e marchar para o lar, puxémonos coma pingos.

    E así morreu a viaxe e morreu o conto. Iso si, a todos nos quedou unha frase gravada na memoria para a posteridade: ¡Que te segho!


 
 

    Acabo de chegar do ensario coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da Coruña. E veño baldado.

    Hoxe tocou montar o primeiro movemento do Concerto nº 1 en Sol menor para violín e orquestra de Max Bruch. ¡Vaia ensaio! Por veces andaba no aire, por veces quedábame aletargado.

    Ainda por riba, hoxe o ensaio coincidiu co aniversario do director da orquestra Fernando L. Briones. ¡Parabéns por eses 32 anazos tan ben levados! Trátase do moinante de aquí abaixo, jeje.



    E, coma non, fixémoslla boa. No medio do ensaio xurdimos da nada entoando o "Clumpleaños Feliz", cunha tarta de chocolate e biscoito (con velas incluídas) e con champaña para regala. ¡Menuda festa!

    Aínda que el tampouco se quedou atrás, xa que apareceu logo cun par de caixas de bombóns para todos. En fin, que rematamos comendo e bebendo no conservatorio coma se estivesemos na casa. Se é que somos unha gran familia.

    Por hoxe é o que hai. Se queredes máis, toca agardar deica mañá.

 
 


    Esta fin de semana, concretamente o sábado ás 20:30, no Pazo da Ópera da Coruña, tivo lugar un gran concerto ó que, por desgracia (non quedaban invitacións -graciñas a Néstor de tódolos xeitos por achegarse a recollelas-), non puiden asistir.

    O grupo en cuestión era Richard Galliano & Tangaria Quartet, un gran conxunto intrumental de jazz, formado por Richard Galliano ó acordeón, Sebastián Surel ó violín, ó contrabaixo e Rafael Mejías á percusión.


    A encargada de traelos foi a Fundación Pedro Barrié de la Maza (www.fbarrie.org) dentro do seu XIII Ciclo de Jazz. Un gran cartel o deste ano, do que sen dúbida o grupo do que estou a falar é o mellor con diferencia.

    Segundo me comentaros varios amigos e compañeiros que si tiveron a sorte de poder asistir, agardábase bastante máis deles. Eu tiven ocasión de velos no Festival de Jazz de San Sebastián xa fai uns anos e parecéronme impresionantemente bos; tiñan un aquel indescriptible pero engaiolante. Supoño que o "mal" sabor de boca que deixaron se deberá ó cambio de formación de hai un tempo para aquí. Anteriormente o violinista era Alexis Cárdenas, un músico impresionante tanto interpretativa coma tecnicamente, ó que estou seguro, polo pouco que vin, que Sebastián Surel non lle chega nin polo nocello. Ademáis, colaboraba asiduamente con eles Hamilton de Holanda á mandolina, que lle daba un aquel bastante especial a certos temas.

    Para que vexades de qué estou a falar, déixovos a continuación unha serie de vídeos recopilados pola rede, nos que poderedes apreciar a antiga formación. Agardo que vos gusten.


    Aquí vai unha lenta.


    Algo máis movido.


    E aquí con Hamilton de Holanda.


    Isto é todo por hoxe. Mañá, ¡máis e mellor!