
Unha vez pasou xa o día sinalado e teño as ideas xa un pouco máis en frío, toca facer unha pequena reflexión sobre o acontecido.
Segundo se comenta na prensa, o que se pode pensar a primeira vista é que foi todo un éxito: seguemento masivo (en torno ó 90%), asistencia respetable ás manifestacións e un longo etcétera.
Nada máis lonxe da realidade, penso eu (polo menos no tocante á Universidade da Coruña). Aínda coa ponte ás portas, a asistencia ás aulas foi máis ca considerable; poderíase dicir que ese 90% do que se fala na prensa estaba presente nas aulas e non na casiña. Manda truco tamén o de poñer sempre as folgas a tiro de pedra de pontes, fin de semanas e demáis festivos populares; ¿queren facer folga ou marchar de vacacións? Eu non o teño moi claro. Por outra banda, a asistencia á manifestación pódese calificar pouco menos ca de fracaso rotundo: ¡300 persoas! ¿pero a onde pensan que van con iso? Nin que isto fose Esparta. A miña facultade ten unha media anual de matriculados que ronda os 2500, sendo unha das máis numerosas. Se multiplicamos unha alta porcentaxe da referida cifra polo número total de facultades e a comparamos co número de asistentes, pódese dicir que a asistencia á manifestación foi irrisoria, desprezable. E seguindo coa manifestación, ¿que manía é esa de levar sempre bandeirolas e pancartas que nada teñen que ver co se predica? Eu non vexo normal que se convoque unha folga para protestar pola subida das taxas e logo apareza o persoal con bandeirolas e pancartas varias e a convirtan nunha reivindicación a prol da independencia galega (que non estou en contra, todo sexa dito), entre outras variopintas reivindicacións que non teñen que ver co fío principal. Máis ca unha manifestación semellaba un circo. Logo queixaranse de que non lles fan caso. E é normal se o que van facendo é o paiaso, en troques de estar ó que hai que estar. Así os tratan despois.
Penso que o maior erro da organización foi o seu afán separatista. Organizaron a manifestación unilateralmente, sen contar co resto de grupos estudiantís (sei que hai máis, aínda que non sei cantos). ¿Que o resto non quere ou non lle interesa? Estupendo. Pois ou non sei fai, porque a maioría non quere, ou se fai unilateralmente como se fixo, pero facendo constar que o resto de grupos se opuxo. Así déixase quedar a cadaquén no sitio que lle corresponde. Se é co embiguismo está moi extendido por estes lares. A ver se aprendemos a facer as cousas ben, que xa imos tendo unha idade.
Pero ben, non todo vai ser criticar. Xa postos ímonos poñer creativos. Penso qe para facer unha protesta deste calibre non é necesario facer unha folga. Pódese convocar unha manifestación perfectamente sen convocar unha folga estudiantil, co único que fai é facer perde-lo tempo ós mestres, ós alumnos que non a secundan e trastocar horarios para todo o mundo. Así, quen quere asiste á manifestación se lle peta, e logo, asiste a aulas, que unha cousa non ten porqué estar rifada coa outra. E se aínda así lles quedan ganas de facer folga, pois que fagan unha "folga á xaponesa", que é moito máis productiva. O que daría por verlle-las facianas ós mestres.
Ben, esta é a miña opinión ó respecto. Agardo con ansia os vosos comentarios e vivencias sobre o tema.