
Fai hoxe unha semana que partimos nunha viaxe de tres días a terras de Pamplona, co fin de facer un intercambio coa Orquestra Sinfónica "Pablo Sarasate" (eles xa viñeran tocar á Coruña o 26 de marzo).
A viaxe en si fíxosenos bastante longa, por mor do (ó meu parecer) longo número de paradas que fixemos. Saímos da Coruña sobre as nove da mañá e chegamos aló sobre a media tarde. Para dúas horas que nos quedaban antes da cea, aproveitamos para ir ver un pouco o centro da cidade e mercar algunha cousa de picar, en previsión de que a cea non fose moi boa (e atinar, atinamos).
Logo de cear, como chovía a chuzos, decidimos montar un pouco de festa na residencia onde estabamos aloxados. !Mi madriña! ¡Vaia desfase! Case todos peneques perdidos, toda a noite sen durmir, etc (as que non se poden/deben contar).
O día do concerto, pola mañá, ensaio xeral bastante cedo, pero como moitos non nos deitaramos, pois deunos un pouco igual. Pola noite, á hora do concerto, logo de durmir unha soneca, estabamos máis ou menos despexados, aínda que había algún que outro que andaba no limbo.
O concerto en si non estivo nada mal; polo menos no que á parte dos locais se refire; porque o que foi a nosa parte saiu peor do que saíra cando tocamos na Coruña. Aínda vai resultar certo que tocar na casa axuda.
¡O programa? Pois, pola súa banda: Mendelsson, Sarasate e un arranxo para orquestra de algo para banda do que non recordo o autor. Pola nosa banda: Mendelsson, Rossini e a BSO de Piratas do Caribe. Interesante alomenos ¿non si?
Despois do concerto, a cena de rigor. ¡Vaia cena! ¡Manda truco! Leváronnos a cear a unha sidrería-parrillada cun comedor enorme. Algo arriba das cen persoas a cear. Por mor do número tan elevado de comensais tocou agardar un pouco pola cea, pero mereceu a pena. Estaba tan boa que rematamos con todo; e cando digo todo é todo: ata os catro pipos xigantes de sidra que tiñan para todo o comedor; non quedou nin gota.
Ó día seguinte tocou voltar e houbo que saír cedo (a iso das sete da mañá) para que a xente que tiña ensaio coa Xove Orquestra de Galicia puidese chegar a tempo. O viaxe de volta, tal coma o de ida, non tivo nada destacable, a non ser o xantar en Valcarce, que estivo bastante ben. Chegamos á Coruña sobre as catro e media da tarde (media hora antes do previsto) e chovía de tal maneira que apenas se vía a través das fiestras do autobús. Ó baixar del para coller as cousas e marchar para o lar, puxémonos coma pingos.
E así morreu a viaxe e morreu o conto. Iso si, a todos nos quedou unha frase gravada na memoria para a posteridade: ¡Que te segho!