Resulta que o domingo cheguei á habitación directo da aldea carretando na maleta e nada máis entrar pola porta e saúdar a David (o meu novo compañeiro de habitación), vou ó frigorífico sacar a cea do conxelador, para ila quentado mentres desfago a equipaxe. E nada máis abrir a porta do frigorífico, sinto a David por detrás dicindo que teña coiado ó abrir o conxelador, que hai perigo de avalancha e/ou desprendementos se toco esa porta.

Nese intre, fago memoria e lembro que a semana anterior deixei o citado conxelador cheo a rebentar, que estivera a xogar ó tetris coas fiambreiras un bo anaco e que non collía nin un gramo máis. E pregúntolle a David se é que abriu a porta e lle caeu todo o que tiña alí dentro. E, para o meu abraio, vai e respóstame que foi quen de meter alí mesmo, logo de volver xogar ó tetris con todo, unha caixa de hoxaldres.

¡Pero se non había maneira de meter nada máis!, dixen. ¡Había tal!, respostou. E como se non o vexo non o creo, vou abro a porta e a imaxe que apareceu ante os meus ollos foi a seguinte.

Como non vía a caixa de hoxaldres, pensei que se estaba a quedar comigo e comecei a baleirar o conxelador. E alí a estaba, a caixa do demo. Pero, non conforme con isto, rematei por baleiralo de todo e o reconto foi o seguinte:

    - 2 fiambreiras xigantes de caldo de nabizas da casa,
    - 1 fiambreira enorme de peitugas de polo, tamén da casa,
    - 2 fiambreiras pequenas de carne preparada para macarróns,
    - 3 bolos de "pan" de Rialta,
    - e a famosa caixa de hoxaldres, cómo non.

Para que vos fagades unha idea, aquí vos deixo unha foto de todo diante do frigorífico.

Si, comprobei que non estivese furado, por se o estades a pensar; e incluso cheguei a mirar se era unha porta interdimensional ou algo así. Pero nada. É totalmente normal e corrente.

Por se non me credes, déixovos tamén unha foto do conxelador baleiro, para que despexarvo-las dúbidas.

Logo disto, non deixo de pensar que Rialta é o resultado dun monte de sucesos paranormais un detrás de outro.  Se é que o que non me pase a min...

Nota: desculpade a pouca calidade das imaxes, pero foron sacadas cun móbil con cámara de baixa resolución.

 
 

A semana pasada chamáronme de Musical González, en Ourense, para darme a nova de que xa chegara o segundo acordeón de proba dos dous que pedira alá por mediados de agosto. Os modelos que escollera para probar eran o Moresqui 472C e o Hohner Nova II 72.

Tanto nun coma noutro almacén, por daquelas, os almacéns estaban pechados por vacacións, así que houbo que agardar ata setembro. Xa en setembro, quen estaban de vacacións eran os comerciais e non se puido facer nada ata outubro, porque non había quen autorizase o envío. Chegados a outubro, solicitáronse ambos modelos en calidade de proba. Nun principio, ningún almacén puxeron reparos.

Pola parte de Moresqui, entre que tardaron en ter existencias no almacén e que traspapelaron os papeis do envío, non chegou a Ourense ata finais de novembro ou principios de decembro. Tan pronto como chegou, funo probar e, nun principio, non me convenceu. As reixelas eran moi cantosas, non tiña máis ca unha fila auxiliar na man dereita (no canto de dúas, que era o que quería), as dúas voces simples tiñan o mesmo timbre e non me gustaba o remate dos botóns selectores dos rexistros. Iso si, a sonoridade era bárbara. Así que alí decidín que alí lle quedaba, ata que chegara o outro.

Ata que chegara o outro, lle dixen. Ben podía ter apodrecido, se chegan a tardar máis en manda-lo outro.

Pola parte de Hohner, xa de primeiras, non tiñan existencias do modelo que pedira. Así que quedaron de mandar outro semellante, xa que total, o son ía se-lo mesmo. Pero non daban máis que en dicir que xa o mandaban e nunca chegaba envío ningún. Resulta que un dos comerciais dixera que si, que o mandaba e logo marchou de vacacións (hai que ver cantas vacacións teñen estes mamalóns) e no seu sitio quedou outra comercial, que o único que facía era dar voltas e máis voltas dicindo que o mandaba (cousa que nunca facía), a ver se así nos cansabamos e deixabamos de pedilo. Cando voltou o outro comercial de vacacións, alá polo 7 de xaneiro, quentámoslle as orellas e, mira ti que cousas, o acordeón apareceu na tenda á semana seguinte.

Así que esta fin de semana marchei para a casiña (non contaba con facelo) e o sábado despois de xantar marchei de paseo a Ourense a probar nel.

Entro na tenda, o encargado sácao da funda e, nada máis verllo nas mans, xa vexo cousas que non me gustan: é o modelo Nova II 80 (polo tanto non ten sétimas diminuídas nos baixos), non ten botóns de selección de rexistros e a botonera da man esquerda é de todo menos robusta. Chega a hora da proba de son e aquilo non soa mal, pero ten moi pouca sonoridade (por non dicir ningunha).

Total, que chega a hora de facer preguntas sobre as dúas casas: dispoñibilidade doutros modelos e configuracións, prezos, cores, garantías, etc. E vendo que en Moresqui me daban 5 anos de garantía, fronte ós 2 de Hohner, que o Moresqui soaba máis e mellor  e era maís robusto (aínda que os remates non me gustaban tanto), que xa tiña alí o modelo que pedira e na cor que me gustaba (nun principio pensaba que non, que era o modelo de 80 baixos tamén), fronte ás voltas de Hohner para mandarmo, (e as que darían para mandarme o modelo exacto) e que o Moresqui saía máis económico, rematei por saca-la Visa Electrón, pasala polo TPV e quedarme co Moresqui (aínda que nun principio non tiña pensado levar ningún ese día).

¿Que hai cousas del que non me gustaban? Si, é certo. Pero era a única tenda das que atopei na que non me puxeron pegas por nada nin me marearon a cabeza; e a única que tiña acordeóns do tipo que buscaba e que mos puiedese traer en calidade de proba, por se non me gustaban, volvelos; e para este tipo de acordeóns e co orzamento que manexaba, só tiña dispoñibles estas marcas. Ademáis, para os usos que lle vou dar, chégame, aínda que nalgún caso me resulte máis complicado facer algunha cousa. O día de mañá, cando teña un bo soldo (deixádeme soñar), se quero vendelo e mercar outro, xa o farei, non teñades medo.

Así que aquí estou eu, co me acordeón novo dende fai só catro días, aprendendo a tocalo de forma autodidacta por un libro que me emprestaron. Xa vos contarei qué tal me foi.

Dende aquí, quixera darlle as gracias a Miriam, por botarme unha man á hora de probalos e axudarme a escollelo. Sen a súa axuda, agora mesmo aínda estaría perdido e sen acordeón.

 
Cousas do karma 12/13/2008
 

Comentaba eu hai unha semana que o pasara moi pero que moi ben e esta semana pintaba ben tamén, vendo como rematara a outra e comezara esta. Pois non tal. Levo unha semana que parece que me mirou un chosco.

O martes pola mañá, nada máis erguerme, perdín o autobús para baixar á facultade. Foi saír pola porta da habitación e ver pasar o bus diante de min e ver como a xente que ía dentro e que me vira, pasaba de avisar ó conductor por non se molestar. Así que entrei de novo na habitación botando pestes contra eles, pensando que o seguinte bus non saía ata dentro de media hora e que ía chegar tarde. Como non tiña ganas de que me mirase mal o mestre por chegar tarde (para variar) collín o paraugas e boteime ó camiño (dende aquí á facultade teño 15 minutos a pé). Chovía pouco, pero ía un aire do demo, así que abrir o paraugas e volvelo pechar foi todo un, se non quería saír voando en dirección contraria ó meu destino. Para cando dei chegado á facultade parecía un cubiño de xeo do mollado e conxelado que estaba. Iso si, sequei ó momento, nada máis entrar pola porta; xa que, para variar, a calefacción estaba por enriba dos 30 graos. Como a carreira é un inferno de por si, deben querer meternos en ambiente antes de entrar ás aulas.

Pasou o resto da mañá sen pena nin gloria, aturando materias infumables, aínda que con grandes profesores. Saio da facultade e collo o bus de volta e, nada máis arrincar, doume conta de que me esqueceu o paraugas pendurado do lado dereito da mesa. Todo por falta de costume. Vendo que xa non tiña remedio, decidín volver por el despois de xantar, que xa tiña que baixar.

Xa pola tarde, logo de face-los bultos para ir xoga-lo partido de baloncesto, collín o autobús e planteime en Elviña. Pero co apapostiado que ía do sono que tiña, esqueceume ir busca-lo paraugas. Fun xoga-lo partido directamente. E co conto das equipacións novas, de que xa había agulla para hincha-los balóns e de que gañamos o noso primeiro partido (algo bo tiña que haber), esquecinme por completo do carallo do paraugas.

Ata o día seguinte, claro. Porque, para variar, volvín perde-lo bus, desta vez porque me quedei totalmente durmido e cando din arreado xa había 10 minutos que saíra. Así que tentei volver repeti-la xogada do día anterior, pero... ¡Merda! O¡ paraguas! exclamei, mentres me viña á memoria a canción de Lamatumbá ó respecto. Total, que como non podía repeti-la fazaña do día anterior, agardei polo seguinte bus, xa resignado a chegar tarde.

Nada máis chegar, vou á conserxería preguntar polo paraugas. Nada de nada. Imaxino que seguirá na clase. Entro pola porta 15 minutos tarde, por non dicir 20. Diríxome á mesa do día anterior e comprobo que o paraugas non está. Conclusión: mangáranmo. O que hai que ver. Mangarme un paraguas dos chinos que me saíra caralludo e que me valera seis tristes euros. Pero fode ter que baixar mercar outro. Sento e comprobo que o mestre comezara tema novo, co cal, ó faltarme a introducción base,  o resto da hora entereime máis ben de pouco.

Como non me dera tempo a almorzar en condicións e botara o último cuarto de hora pegando cabezadas tiven a xenial idea de ir coller un refresco de cola á máquina expendedora. Planteime diante, saqueime de carteira, metinlle un euro e premín o primeiro botón da Coca-Cola. Sen existencias, rezaba. Deille tamén ó segundo. Baleiro, dicía tamén. Xa que non podo tomar un refresco de cola, que sexa de laranxa logo. Premo o primeiro botón e non me di nada raro. ¡Sinto caer as moedas na caixa do cambio. ¡Ben! pensei, ¡por fin! Pero nada máis lonxe da realidade. A condenada lata non cae. Así que comprobo o cambio. Onde antes había unha moeda dun euro, agora hai dúas moedas de cincuenta. Lentamente ergo a cabeza e fíxome nun pequeno led vermello da máquina que estaba aceso e que rezaba: "Con luz acesa, introduza importe exacto". ¡Demo de máquina do inferno! Non só non me dás a miña lata senón que enriba vólvesme o que che metín en calderilla. Mereces pouco menos que a morte.

Vencido e resignado, volvo entrar na clase. Outra hora máis durmindo por entregas. Remata a clase. Saio tomar o aire ó corredor. E bato cuns amigos. Comentándolles o caso anterior, vai un e dime que acaba de pasar o encargado das máquinas expendedoras a recargalas. Ilusionado, despídome deles e rediríxome alá. Repito o mecanismo anterior, premo o botón e... ¡Merda pra min outra vez! Volve salta-lo led do importe exacto. ¡Condenado encargado enchefoles das máquinas expendedoras do inferno! Recargara as latas, pero non comprobara o cambio. ¡Será inútil o papón do demo! E os demáis morrendo de sono. Así non se pode.

A verdade é que ben podía haber baixado á planta cero mirar se a outra máquina tiña, diredes. Pero non tiña ganas de baixar ida por volta e leva-la mesma foda; que baixar para nada é unha parvada. Que si, que tamén podía haber ido por unha á cafetería. Ben, un é parvo, pero non tanto para paga-lo dobre polo mesmo e aínda por enriba ter que agardar cola e aguantar que se mofen dun.

O xoves pola tarde, tiven exame de OpenGL da asignatura de Gráficos en Computación. Cando dei entrado no laboratorio, xa estaba o meu compañeiro de prácticas agardando por min con todo aberto e o exame a piques de comezar. Miro a figura que nos toca facer. Semella un brazo mecánico retraíble. Ben, non é moi complicado. Comezamos a tarefa e, xa rematando, transcorrida xa unha hora, aparece por alí o mestre e coméntanos que o estamos a facer ó revés. Resulta que non é o típico brazo dunha retropaleadora, senón a grúa con caixa dun camión de bombeiros. ¿E como quere que o distingamos se aquilo semella todo menos iso? En fin, volta a comezar, aínda que non dende o cero absoluto. Á fin rematamos, con 20 minutos de adianto sobre o tempo estimado e todo perfecto. Pero a presión do momento xa non nola quita ninguén.

Como o venres non tiven clase porque fallaron tódolos mestres, aí rematou a semana. E isto foi todo o que deu de si. Xa me diredes se isto non semella unha compensación polo ben que o pasei a fin de semana pasada. Serán cousas do karma, digo eu.


 
 

Esta ponte de decembro tocou ir pola casiña (xa facía un mes que non ía). Ó contrario cas últimas visitas á casa, nas que me aburría soberanamente, resultou totalmente épica e un tanto surrealista. Imos por partes, que hoxe teño abondo que contar.


O venres pola tarde decidín non colle-lo bus das sete porque tiña cousas que me urxía deixar feitas e que me retiveron na Coruña ata o sábado pola mañá. E parece ser, que ben me pintou.

Resulta que o venres pola noite, na Lama das Quendas, unha das zonas de copas de Chantada, se armou unha escea totalmente surrealista; e, aínda que non estiven presente, non tardou moito en chegar ós meus oídos.

Todo comezou cando un rapaz veciño da aldea de Brigos, cunha chea criminal,  montou unha boa liorta nun dos locais (pero non conseguín averiguar o porqué). Nada máis comezar o conto, chamaron á Garda Civil e persoáronse no lugar. Meteron ó borrachuzas no coche e levárono á casa (a el e creo que ó seu coche tamén).

Xa na casa, e unha vez que a parella da Garda Civil xa marchara, deulle en dicir que ía volver no coche á vila e trancarlle a porta co mesmo ó local do que o botaran. Pero, a muller, que aí andou fina, quitoulle as chaves do coche e mandouno para a cama.

Pero resulta que a cousa non quedou aí. O fulano, supoño que nun descoido da muller, colleu o seu Fiat 115 (un coma o da fotografía) que tiña enganchada a desbrozadora e arrincou de cara ó local.

Cando chegou, non se lle ocorreu mellor cousa que meterse pola rúa de copas  chea de xente, en dirección prohibida, marcha atrás e coa desbrozadora acesa, mentres berraba que ía levantar nas beirarrúas a golpe de desbrozadora. Dito e feito. Mentres a maioría da xente corría a refuxiarse nos locais e algúns tiraban fotografías do suceso cos móbiles, o tipo baixou a desbrozadora e empregouse a fondo no seu cometido.

Estando xa un pouco canso do asunto, deulle por poñer o tractor de cú contra a porta do devandito local (local que estaba ateigado de xente refuxiándose deste tolo) e trancala para que non puidese entrar nin saír ninguén. Resultado: todo a xente de dentro a berrar coma histéricos.

Foi nesas cando chegou de novo a Garda Civil e desta vez o detivo, aínda que seica lles custou suor e bágoas. Ademáis, retiraron o tractor e deixárono aparcado ás aforas da vila.

Logo de detelo e xa que lles tocara a moral, decidiron chamar unha patrulla de Tráfico para que lle fixera a proba de alcolemia, que arroxou unha taxa de  alcol de 0,38 mg/l. Botando contas das horas que pasaron entre o primeiro suceso e o segundo, cando o levaron á casa por primeira vez debía de estar peneque perdido (seguramente duplicase ou máis esa taxa). Resultado: a durmila ó cuartel en calidade de detido.

Pero o conto no morre aquí. Resulta que á mañá seguinte veu un familiar recolle-lo tractor para levalo para a casa. E xa montado nel e estando saíndo da vila, o tractor quedou sen frenos e alá marchou por un terraplén abaixo. O tractor volcou e quedou desfeito, pero ó conductor, milagrosamente, non lle pasou nada relevante. A saber qué lle fixo o outro moinante pola noite á pobre máquina. Finalmente, tivo que vir unha grúa de grandes dimensións para poder retiralo.

Agora supoño que entenderedes por qué me pintou ben non ir para a casiña o venres, porque seguramente, a esas horas, andaría por Chantada tomando algo.


Pero esta anécdota non foi todo o que deu de si a fin de semana, así que continuamos.

O sábado cheguei á casa a iso da unha do mediodía. Logo de desface-las maletas e poñe-la mesa para xantar, a primeira sorpresa do día: cocido para xantar. Como era de esperar, púxenme as botas.

Xa pola tarde, coma tódolos sábados, achegueime a Chantada a ensaiar co grupo de gaitas. E outra sorpresa: o mestre mercou coche novo (qué ben vive o cabrón).

Xa de volta na casa, quedo cos amigos para ir tomar algo ó bar Mario, onde nos xuntamos a cotío toda a mocidade. Cando cheguei, a iso das sete, estaban botando un tute entre catro, así que pedín algo e agardei a miña oportunidade (si, son un viciado do tute). En canto se retirou o primeiro, que non tardou moito, entrei eu a xogar de parella dun rapaz noviño que era a primeira vez que xogaba. Pero a cousa non puido ir mellor: gañamos; e de paliza. A sorte sorriunos e combinado co saber xogar, rematou cun resultado máis propio dun partido de tenis ca dun tute: 6 - 2 e 7 - 5. Aclarar que xogamos ó mellor de tres partidas a seis tantos, per como xa gañamos as dúas primeiras, non fixo falla xoga-la seguinte. Resumindo, que marcharon co cú quente.

Mirade se era o meu día de sorte que, pouco despois de rematar o tute, e antes de marchar cear, decidimos botar un comemerda e, cando me erguín buscar de novo a baralla, tropecei cun euro. Resultado: consumición gratis, jeje. Iso si, ó comemerda non tiven tanta sorte, xa que en Taboada xógase unha variante un pouco distinta á da Coruña e Pontevedra, e non estaba acostumado.

A iso das oito ou nove marchamos cear, pero quedamos en volver vernos alí ás dez para desfrutar do Barcelona - Valencia. Pero eu pouco o fixen, que son merengue. Mentres avanzaba a noite, máis do mesmo: tute, comemerda, mentireiro, reloxo, etc., ata que a iso da unha e media resolvemos ir de marcha a Monterroso.

Collemos os vehículos e arrincamos, non sen antes fixar o punto de encontro no pub Esfera. Cando chegamos, parecía que non había moita xente, xa que había sitio case de sobra para aparcar. De tódolos xeitos rematei por aparcar na estrada xeral, lonxe de posibles problemas derivados do alcolismo. Pero resulta que nos enganamos. A maioría dos locais estaban a reventar.

Metémonos no Esfera e pedimos algo mentres non chegaban todos. Entretanto fun albiscando antigos compañeiros de clase, amigos e coñecidos de ambos xéneros que había moito que non vía e fun saudándoos un por un, máis ou menos efusivamente.

Cando xa nos demos xuntado todos, nova sorpresa. A moza dun compañeiro traía consigo un par de amigas de bo ver. Así que mans ó traballo: pregunta de aquí, pregunta de alá e ó final averiguei que unha tiña mozo (e perigoso) e a outra non. Unha vez que tiña o obxectivo fixado, tocou repasar o inventario: bo aspecto -> si, bo cheiro -> si, certo grao etílico -> si, labia e simpatía a reventar -> si e, o máis importante, caixa das fichas -> si, xD.

Xa co inventario feito e a toque de corneta, comezou a contenda. Achegamento sixiloso ó grupo de amigas. Intercambio de miradas. Comeza a mostra de artes de baile marca da casa entre risadas varias. Vamos, que acabo facendo os típicos movementos de carallada acompañado por elas e ó son de temas míticos que coreamos todos ó tempo. Si, non teño vergoña, jeje.

Entre baile e baile, fichas varias (que seica me sobraban esa noite), pero sen que se note en exceso. Ó mesmo tempo, ela vai e volve da barra unha e outra vez cun cubata por viaxe que eu, por suposto, non pago (non vaia ser que me tome por un pagafantas). Mentres tanto, falo coa outra amiga, que sempre pode servir para darlle celos ou, quen sabe, como segunda oportunidade da noite (iso si, con risco para a miña saúde física -que a mental xa non ten remedio-).

Pero, ¡¡¡oh de min!!! con tanta distracción non me dei conta de que a pobre rapaza estaba a beber que parecía unha esponxa.  Craso erro o meu. Cando me quixen dar conta, eran xa as tantas e a rapaza levaba unha chea descomunal. Co cal, acabei perdendo o interés nela depositado e dando a noite xa por perdida, vista a hora que era.

Así que, logo de bailar un pouco máis con elas e de estar de carallada cos amigos, decidimos recoller os bártulos e arrincar para a casiña durmir (aínda que custou un ovo e parte do outro despegalos dos taburetes; xa logo parecían lapas).

Métome no coche dúas horas e media despois de consumir a última copa e tiro de alcolímetro: 0.00 mg/l. Todo correcto. Podemos arrincar. Ben, se digo todo correcto, mentiría, xa que cando quixemos arrincar, botouse a chover a chuzos e non se vía nada entre a auga que caía e o que se embafaban os cristais. Así que tocou vir a modiño para a casa. Cando dei chegado, eran as seis e media da mañá.


Xa chovera dende a última vez que saíra ata tan tarde. Ata meus pais me vacilaron/rifaron cando me erguín a iso das dúas para xantar. E, por primeira vez en moito tempo, sen resaca. Iso debeuse a que, por primeira vez en moitísimo tempo, as copas que me poñen nun local non son auténtico garrafón matarratas, senón xenuíno ron de botella.

Á hora de poñerse a xantar, nova sorpresa. Desta vez, tocou cordeiro ó forno con patacas fritidas. E como meu pai ía de caza todo o día, pois todiño para min e miña nai, jaja. O resto da tarde, facendo na práctica 2 de TALF e vendo peliculóns na televisión, aínda que non moi ben, xa que dende había uns días tiñamos problemas de sinal e algún problemiña coa antena e o vento.


O luns pola mañá, nada máis erguerme, puxen a televisión e... nova sorpresa: estaban a botar Karate Kid e viña de comezar. Así que xa non fixen outra cousa ata a hora de xantar (patacas, xudías e chourizo cocidos).

Logo de xantar, chamou meu pai (que volvía estar de caza) e díxome que baixara limpar e darlles de comer ós cans (e coa man deles que temos aínda me levou un anaco). A continuación tocou face-las maletas e prepara-la comida para levar. E pouco despois, miña nai mandoume por unha caixa de leña para a cociña.

Entrementes chamou un amigo de meu pai que é de preto e díxome que me levaba para a Coruña se quería, ó cal eu accedín de contado (cartos que se aforran). Aínda así tivo difícil contactar comigo no teléfono da casa, porque dende a mañá sufría dunha rara doenza: de cando en cando poñíase a timbrar de xeito continuo e non paraba ata que o descolgaba. Andei facendo de Dr. House, pero non lle dei co problema. Así te parta un raio, ¡trebello do demo!

De alí a pouco chegou o veciño e arrinquei con el de cara á Coruña. Ben, volvo non dicir toda a verdade. O tema foi que demos volta por Lugo porque tiña que parar no Hospital Xeral de Calde facerlle unha visita a un familiar enfermo. Así que botei unha hora tirado na cafetería tomando un café con leite e lendo o periódico do domingo porque os do luns estaban todos collidos.

Unha hora despois estaba xa na habitación desfacendo nas maletas. O peor foi ter que xogar ó Tetris co conxelador, xa que miña nai obviou todo o que lle dixen: que se me sobraban bonos de comedor, que se só era para quince días, etc. e meteu comida para un rexemento sen eu o saber. Total, que entre o que teño aquí para comer e os excesos das festas de Nadal hei de acabar engordando queira ou non.

E todo iso foi o que deu de si a ponte de decembro deste ano. Xa había ben tempo que non me pasaban tantas cousas en tan poucos días.


 
 

    Foi alá polo remate do curso universitario, cando, vendo que xa tiña rematada (en parte) a carreira de violín e que me ía aburrir tremendamente sen nada con algo de zugo novo que tocar para el, me decidín a aprender a tocar un instrumento novo.

    Si, xa sei que xa toco unha rea deles, pero con isto da música, un sempre ten ganas de máis. É unha droga dura, veleno puro. Ademáis, sufrín tamén a desaparición dalgunha das agrupacións nas que toco, co cal, entre unha cousa e outra, se reduciu notablemente o tempo que lle tiña adicado. E claro, as drogas duras, non se poden abandoar de golpe, porque provocan síndrome de abstinencia, máis coñecido por "mono".

    Logo de darlle ó maxín unha e outra vez e de barallar varias posibilidades (as cales contemplo todas, pero teño que darlles algunha orde de prioridades), decindinme polo acordeón cromático de botóns. ¿O porqué? Pois dunha banda, ultimamente veño escoitando moito a Richard Galliano e grupos folques novos que empregan este instrumento, e cada vez gústanme máis; e, por outra, o acordeón está emparentado (tímbricamente falando) co violín, o cal sempre axuda. ¿Por que de botóns e non de teclado? Pois por varios motivos: o primeiro é que quería algo realmente novo e que me supuxese un reto e, como xa sei tocar o piano, pois tocar un de teclado non me supuña moito esforzo; o segundo, que, á hora de tocar, aínda que é un pouco máis complicado, recompensa o esforzo permitindo tocar cunha maior axilidade (hai moitas cousas que se poden facer cos de botóns que non se poderían tocar nin de lonxe cos de teclado -no caso oposto, a cantidade é moito menor-).

    Así que, en canto voltei para a casiña, púxenme a buscar información. Documenteime a través da rede, de libros que me emprestaron,  de profesores de acordeón que coñecía, de acordeonistas doutros grupos coñecidos, de tendas de música especializada, etc. E logo de pasar case dous meses poñéndome ó día, mirando acordeóns novos e de segunda man (o cal foi bastante complicado -tendo en conta que eu ando a cabalo entre Lugo e A Coruña-, xa que este tipo de acordeóns só teñen mercado na parte sur do país: Ourense, Vigo e Pontevedra) e, sobre todo, facendo actuacións e traballos por onde puiden para poder pagalo (non imaxinades o que pode chegar a valer algún deles; son tan ou máis caros ca un bo piano), acabei dando cunha tenda de música en Ourense que os tiña de boa calidade e a bo prezo (aclarar que eu andaba en busca dun acordeón de casa italiana -preferentemente- ou alemana, e que o prezo aínda tira máis para arriba).

    Tendo xa o sitio topado e logo de que me propuxese varios modelos, decidín encargar un par deles para probalos. Isto foi xa a primeiro de agosto. Mal momento para facelo, xa que, por daquelas, os almacéns destas historias estaban todos de vacacións. Vamos, que pasei todo o mes chamando á tenda semana si e semana tamén, para que sempre me dixesen o mesmo. No momento en que decidiron voltar das vacacións (alá por primeiros de setembro), volvinme ilusionar coa nova adquisición: craso erro outra vez, pois nun dos almacéns non quedaban existencias do que pedira.

    Resumindo, a día de hoxe, sigo esperando a que chegue ese outro acordeón á tenda para poder ir probalos e decantarme por algún (por se sentides curiosidade, encarguei un Moreschi e un Hohner -o da foto-) no caso de que me convenzan; pero, coa carallada, o verán xa vai alá e eu tiven que pasar o mono da mellor maneira posible: de tocata en tocata por todo o país e barullando na casa canto puiden cos instrumentos que xa tiña.

    Non sei o que tardarei aínda en facerme con el, pero o que si teño claro é que con todo o que me están facendo agardar, por ganas de tocalo ata reventar non ha ser.

    Agardo poder dicirvos por cal me decantei nunha vindeira entrada no blog e poder describírvolo dende varios puntos de vista: técnico, visual, sonoro e sentimental. ¡Viva a música que nos aleda a vida!


 
 

    Como podedes supoñer do título desta entrada e do tempo que levo sen publicar nada, botei o peche durante a época estival.

    Na miña defensa, hei de dicir, que o peche tivo pouco que ver coas vacacións. Máis ben todo o contrario. Entre ensaios, actuacións, labranzas, estudar para setembro e outros menesteres, o tempo de lecer foi máis ben escaso. O pouco que puiden disfrutar do estío, foron as festas patronais dos concellos lindeiros e algún ca outro concerto. E se a todo iso lle sumamos o tremendamente complicado que resulta conectarse aínda a estas alturas á rede de redes dende o rural, pois temo-la ecuación perfecta para que o blog pasase a ser outro deses libros infumables que acaban collendo pó no estante máis alto da biblioteca.

    Pero non foi só pó o que apañou. No pouco que duraron estas vacacións, fun apañando unha morea de sucesos, reflexións e outras anécdotas, que ese libro foi aprendendo case coma por ósmose ata se converter nalgo así coma nun diario estival cargado de notas. Un diario que será aberto para todos vós nas vindeiras datas.


 
 

    A primeiros de abril, tal e como ven sendo habitual por estas datas dende hai un ano, saía do forno a versión primaveral dunha das distribucións máis populares, Mandriva Linux, a modo de “actualización” da versión anterior, aparecida polo mes de outubro do ano pasado. Esta nova versión leva por nome Mandriva Free 2008 Spring (orixinal, ¿non si?), aínda que tamén se lle coñece co nome de Mandriva Free 2008.1, por mor do seu nacemento coma lavado de cara da versión anterior.

    Entre as novidades máis salientables desta nova distro atópanse:

        - KDE 3.5.9 e 4.0.3.
        - GNOME 2.22.
        - Xfce 4.4.2.
        - Linux kernel 2.6.24.4.
        - X.org 7.3.
        - Infraestructura de son Pulse Audio.
        - OpenOffice.org 2.4.
        - Compiz Fusion 0.7.2.

    Ademáis, ven tamén cunha serie de novas características bastante interesantes como a total compatibilidade co Asus Eee PC, a fácil sincronización con Windows Mobile 5/6 e máis con outros dispositivos móbiles; así coma cunha serie de melloras bastante notables con respecto á anterior versión coma poden ser as realizadas na ferramenta de manexo de software propia da distribución (rpmdrake) e na nova ferramenta de configuración de redes, incluída por vez primeira na versión anterior. Persoalmente, teño que sacarme o sombreiro ante as melloras nesta última ferramenta, na escritura en particións NTFS (configurada por defecto) e no apartado gráfico (o cal xa era notable).

    Tamén se incluíron por vez primeira unha lista de aplicacións moi recentes e interesantes coma poden ser Elisa, Avant Window Navigator, Conduit ou Miro.

    É de facer notar tamén que é a primeira vez que dende Mandriva fan un reempaquetado automático durante o ciclo de desenvolvemento dunha nova versión e co lograron con máis do 90 por cento dos paquetes, o que lle outorga unha gran consistencia ós seus repositorios.

    Pero non todo ían ser flores. Tamén hai unha serie de erros atopados de carácter grave ou moi grave, os cales axudei a buscar e testar na súa meirande parte:

    Erro xeralizado na actualización dende versións previas presente nun gran número de isntalacións que non deixa finalizar correctamente a mesma e que fai ca maior parte do sistema quede actualizado, a excepción do kernel.

        - Problemas con interfaces inhalámbricas Intel 3945ABG e 4965AGN.
        - Lentitude na conexión á Internet baixo IPv6.
        - O cargador de arrinque non se instala en sistemas con RAID por software.
        - A configuración da pantalla mediante o Centro de Control de KDE conxela o sistema.
        - Firefox remata inesperadamente en sitios con Flash.
        - O son non funciona en Skype, debido á incompatibillidade do mesmo con Pulse Audio.

    Ultimamente detectouse tamén outro erro xeralizado (do cal tamén son víctima), tanto en instalacións limpas coma non limpas (mantendo os arquivos de configuración) mantendo o directorio /home, que fai que o sistema se conxele ó pouco de terse iniciado. Polo de agora, non se ten nin a máis remota idea de a qué se debe.

    Finalmente, dicirvos que a nova versión ó igual cas anteriores está dispoñible en formatos: Live-CD e DVD e que podedes obtela gratuítamente por varios medios (torrent, http, ftp e rsync) a través da páxina oficial (http://www.mandriva.com), onde tamén poderedes atopar moita máis información. Se precisades de axuda podedes acudir ó foro oficial en castelán (http://www.blogdrake.net), onde vos poderedes atopar comigo baixo o mesmo alcume co que escribo.

 
¡Europa toleou! 05/27/2008
 

    Si, miñas donas e meus cabaleiros. Definitivamente ¡Europa toleou! Iso si, musicalmente falando. Quen máis e quen menos viu, escoitou ou leu algo ultimamente sobre o recente Festival de Eurovisión.

    É ben sabido por todos, que dito festival era, ata non hai moito, un festival da canción. Pero duns anos para aquí a cousa tornou máis ben nun festival de mamarrachadas. Non hai máis ca olla-lo panorama de actuacións que houbo este mesno ano. ¡Dan noxo!

    Reino Unido: bo cantante e boa posta en escea, pero o tema era máis americano ca europeo.
    Alemaña: cun cuarteto que semellaba unha copia barata das infumables Spice Girls.
Bosnia & Herzegovina: vaia pintiñas. Non hai moito máis que dicir.
    Israel: cun cantante que, aínda que tiña boa voz, non era máis co típico home-mazas que canta unha canción sen gancho.
    Finlandia: cun grupo heavy que parecía saído do fondo dun trasteiro, moi malos tecnicamente e cun tema aínda peor. Non había por onde collelos.
    Turquía: bo grupo e bo tema, aínda que soaba moi americano a pesares de estar cantado en turco, creo.
    Letonia: so había que mirarlles para o vestiario.
    Xeorxia: que envía unha cantante invidente, cun tema malogrado, para dar aínda máis pena, a ver se así cae algo.
    España: sen comentarios. Simplemente patético. Iso de humor non tiña nada.
    Rusia: a gañadora e, sen dúbida, a peor de tódalas actuacións (rivalizando incluso con Chikilicuatre). Si señor, a isto chámolle eu misturar patacas con cebolas.Un cantante mediocre cun tema malo, un patinador (campión olímpico, iso si) e un violinista con espamos (iso si, cun Stradivarius), todo en catro metros cadrados de puro xeo (como para caer e estampar o Stradivarius). Vamos, a mistura perfecta para unha bomba presta a che estoupar nos mesmos fuciños. Semella que a "Nai Rusia" quixo deixar ver todo o seu poder e riqueza. E ó final saille ben, aínda que sigo sen comprender como, a non ser o xa máis que sabido apoio da Europa do leste (outro tongo bo).

    Aínda que houbo algunha que outra excepción con bo gusto. É o caso de países coma:

    Croacia: boa posta en escea, un tanto cómica, cun tema máis ou menos bo. Aínda que o tango, ten máis de americano ca de europeo (salvando a relación coa emigración).
    Portugal: bo tema, boa voz, contexto minimalista. Quén quere máis.
    Dinamarca: bo cantante, bo tema e actuación simpática e con gancho.
    Francia: bo cantante (aínda que un pouco insociable enriba do esceario), bo tema e unha posta en escea moi peculiar (un tanto cómica). Foi un guiño perfecto á canción de autor.
    Azerbaijan: posta en escea bonita pero escasa de decorado, boas voces, un tema tecnicamente complicado e cun toque á tradición, aínda que non era gran cousa.
    Grecia: unha mullerona enriba do esceario, cunha voz máis ou menos boa, uns decorados pouco efectivos, aínda que si elaborados e un tema simplón. Aínda que pasable, non se mereceu a posición na que rematou.

    Do resto, dicir que ou non os vin, ou foron tan mediocres que pasaron sen pena nin gloria e non merecen comentarios nin por bos nin por malos.

    En resumo, onde antes había bos cantantes, boas cancións, bos decorados e boas postas en escea, todo en maior ou menor medida, pero ben conxugado, agora hai so caras bonitas, malas voces, decorados e vestiarios charramangueiros e malos temas.

    A este paso non sei onde iremos parar, pero fágome unha lixeira idea.


 
 

    Unha vez pasou xa o día sinalado e teño as ideas xa un pouco máis en frío, toca facer unha pequena reflexión sobre o acontecido.

    Segundo se comenta na prensa, o que se pode pensar a primeira vista é que foi todo un éxito: seguemento masivo (en torno ó 90%), asistencia respetable ás manifestacións e un longo etcétera.

    Nada máis lonxe da realidade, penso eu (polo menos no tocante á Universidade da Coruña). Aínda coa ponte ás portas, a asistencia ás aulas foi máis ca considerable; poderíase dicir que ese 90% do que se fala na prensa estaba presente nas aulas e non na casiña. Manda truco tamén o de poñer sempre as folgas a tiro de pedra de pontes, fin de semanas e demáis festivos populares; ¿queren facer folga ou marchar de vacacións? Eu non o teño moi claro. Por outra banda, a asistencia á manifestación pódese calificar pouco menos ca de fracaso rotundo: ¡300 persoas! ¿pero a onde pensan que van con iso? Nin que isto fose Esparta. A miña facultade ten unha media anual de matriculados que ronda os 2500, sendo unha das máis numerosas. Se multiplicamos unha alta porcentaxe da referida cifra polo número total de facultades e a comparamos co número de asistentes, pódese dicir que a asistencia á manifestación foi irrisoria, desprezable. E seguindo coa manifestación, ¿que manía é esa de levar sempre bandeirolas e pancartas que nada teñen que ver co se predica? Eu non vexo normal que se convoque unha folga para protestar pola subida das taxas e logo apareza o persoal con bandeirolas e pancartas varias e a convirtan nunha reivindicación a prol da independencia galega (que non estou en contra, todo sexa dito), entre outras variopintas reivindicacións que non teñen que ver co fío principal. Máis ca unha manifestación semellaba un circo. Logo queixaranse de que non lles fan caso. E é normal se o que van facendo é o paiaso, en troques de estar ó que hai que estar. Así os tratan despois.

    Penso que o maior erro da organización foi o seu afán separatista. Organizaron a manifestación unilateralmente, sen contar co resto de grupos estudiantís (sei que hai máis, aínda que non sei cantos). ¿Que o resto non quere ou non lle interesa? Estupendo. Pois ou non sei fai, porque a maioría non quere, ou se fai unilateralmente como se fixo, pero facendo constar que o resto de grupos se opuxo. Así déixase quedar a cadaquén no sitio que lle corresponde. Se é co embiguismo está moi extendido por estes lares. A ver se aprendemos a facer as cousas ben, que xa imos tendo unha idade.

    Pero ben, non todo vai ser criticar. Xa postos ímonos poñer creativos. Penso qe para facer unha protesta deste calibre non é necesario facer unha folga. Pódese convocar unha manifestación perfectamente sen convocar unha folga estudiantil, co único que fai é facer perde-lo tempo ós mestres, ós alumnos que non a secundan e trastocar horarios para todo o mundo. Así, quen quere asiste á manifestación se lle peta, e logo, asiste a aulas, que unha cousa non ten porqué estar rifada coa outra. E se aínda así lles quedan ganas de facer folga, pois que fagan unha "folga á xaponesa", que é moito máis productiva. O que daría por verlle-las facianas ós mestres.

    Ben, esta é a miña opinión ó respecto. Agardo con ansia os vosos comentarios e vivencias sobre o tema.


 
 

    Paseando pola Coruña o venres, fiquei ollando para un cartel cos beizos dos Rolling, que anunciaba unha feira de discos no hotel Hesperia Coruña a celebrar o domingo de 11 da mañá a 8 e media da tarde.

    Dado que non puiden asistir por diversos motivos, estiven a buscar algunha reseña na rede sobre a mesma, aínda que non atopei moita cousa.

    Puxéronse á venda uns 10.000 discos, en varios formatos (vinilo, cedé, ...). Os prezos variaban entre os 2 euros dos máis comúns ós 60 dos máis buscados. Aínda que no cartel non poñía nada, había que pagar unha entrada por valor de 1 euro que, aínda que só sexa por ver auténticas reliquias, merecía a pena desembolsar.

    Para ser domingo e ir bastante mal tempo, a asistencia foi bastante respetable.